A Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros, ADISBISMUR, completou as obras de remodelación da fachada do seu centro ocupacional situado en Valadares, no concello de Outes. Estas obras, realizadas en dúas fases, comezaron o ano pasado e concluíron coa primeira fase de renovación da parte da fachada que quedaba por cubrir, eliminando así as humidades que afectaban ás aulas e aos despachos.
A mellora responde á necesidade de manter o centro en condicións óptimas, tanto para a habitabilidade como para a eficiencia enerxética, e enmárcase dentro dun proxecto de adecuación de centros de atención a persoas con discapacidade. Estas obras contaron co apoio da Xunta de Galicia a través de fondos destinados a fins sociais, procedentes do IRPF de todas as persoas contribuíntes que marcaron a casiña 106.
O centro, que atende a 50 persoas con discapacidade de varios concellos como Muros, Outes, Mazaricos, Carnota, Noia, Negreira e Cee, benefíciase agora destas melloras que aumentan o confort, seguridade e estabilidade do edificio grazas á renovación da fachada con chapas de aluminio e material illante. Esta remodelación permitirá mellorar a conservación do edificio e a súa eficiencia enerxética, contribuíndo ao benestar das persoas usuarias e do equipo profesional que as atende diariamente.