Tenda

Quen Somos

Quen Somos

ADISBISMUR - Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros

A Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros, ADISBISMUR, foi creada en xuño do ano 1982 como unha entidade sen ánimo de lucro co fin de procurar a integración (social, laboral, educativa,...) e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade da comarca. Esta asociación nace como resposta ao abandono que as persoas con discapacidade sufrían nesta época en Galicia, e forma o inicio do movemento asociativo da comarca, sumándose pouco despois ao de toda Galicia coa creación da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, COGAMI.

Nun principio ADISBISMUR creouse para dar servizos, información e asesoramento as persoas con discapacidade dos concellos da bisbarra formada por: Carnota, Mazaricos, Outes e Muros, así a súa primeira función foi a elaboración dun censo das persoas con discapacidade da comarca. Actualmente conta con 865 socios pertencentes a comarca e aos concellos limítrofes de Negreira e Noia.

Nos seus inicios a sede da Asociación instalouse nun local cedido polo concello de Muros na vella escola unitaria de A Robaleira, en Abelleira, onde durante anos se deu formación en informática e alfabetización, compaxinando tamén a mesma formación no Centro Social do concello de Outes. Actualmente préstanse servizos de información, asesoramento e xestión de documentación nunha oficina, cedida polo concello, no primeiro piso do actual Centro de Día de Muros.

No ano 2004 a ADISBISMUR construíu, nun terreo cedido polo concello de Outes, o Centro Ocupacional Prelaboral de Valadares con capacidade para sesenta persoas con discapacidade, no que actualmente e por causa burocráticas está integrado o Centro Ocupacional con capacidade para cincuenta prazas e o Centro de Dia de Valadares con capacidade para vinte prazas. Ademais do Centro dispón dun terreo anexo no que ten instalados catro invernadoiros dedicados a produción de plantas ornamentais, así como un convenio co concello de Carnota de cesión, durante 25 anos, de dous invernadoiros situados en Lamas de Castelo.

A asociación ao longo da súa historia promoveu a creación de varios centros de traballo, así no ano 1986 creou a cooperativa “As Lombas” situada en Lariño, que no ano 1990 se converteu nun Centro Especial de Emprego e chegou a dar emprego a 55 persoas con discapacidade. No ano 1999 creouse o Centro Especial de Emprego “Esteirana de Carpintería” dedicado a elaboración de toda clase de traballos en madeira e instalada en Esteiro na que traballaban 14 persoas con discapacidade. A finais do ano 2010 Creouse o Centro Especial de Emprego “Viveiros Valadares” con sede nas instalacións do Centro de Recursos de Valadares que polo momento da traballo a catro persoas.

PROPOSITO

Acadar unha sociedade que ofreza a igualdade de oportunidades para todas as persoas.

VISIÓN

Ser unha entidade referente en Galicia, no sector da discapacidade, ser recoñecida socialmente pola súa calidade nos servizos para conseguir unha sociedade máis xusta, igualitaria e participativa.

PRINCIPIOS E VALORES

  • A persoa con discapacidade como centro do noso traballo e dos nosos obxectivos.
  • Igualdade,diversidade,pluralidade de roles e identidade de xénero para conseguir a plena integración.
  • Transparencia en todos os procesos, na xestión de recursos e servizos ofrecidos, no traballo do equipo técnico e na actuación dos organos de goberno.
  • Calidade na prestación dos nosos servizos por profesionais cualificados e especializados,seguindo o modelo de Xestión EFQM de Excelencia.
  • Compromiso social para chegar a consecución dos dereitos das persoas con discapacidade en sinerxia co resto dos axentes sociais do territorio.
  • Eficiencia xestionando adecuadamente os recursos dos que dispoñemos.
  • Apoio mutuo entre traballadores/as, voluntarios/as e familias para un exitoso desenvolvemento das actividades fomentando o empoderamento.

¿QUERES COLABORAR CONNOSCO ?

Diferentes xeitos de participar en actividades da asociación